A Masa Crítica é un evento ciclista de participación aberta, non competitivo e non comercial.
Polo xeral un venres e con carácter mensual −nunha mistura de paseo colectivo, festa na rúa e bicifestación− a cita reúne a ducias, centos e, ás veces, milleiros de persoas sobre as súas bicicletas e outros medios de transporte non poluíntes para tomar as rúas de cerca de catrocentas cidades diferentes, conformando así un movemento social reticular a escala planetaria, cuxo activismo se centra no ámbito da mobilidade e promove a bicicleta como tecnoloxía lúdica e alternativa á degradación medioambiental, as desigualdades sociais e a violencia que implican as políticas do todo para o coche privado.
A Masa Crítica Galega celébrase anualmente desde 2007, reunindo ás masas críticas das diferentes cidades galegas (que van rotando entre elas a organización de cada edición: Compostela 2007; Ferrol 2008; Lugo 2009; Vigo 2010; A Coruña 2011) e constituindo unha das maiores expresións de alegría e poder deste movemento.
Referencias:
Foro das Masas Críticas Galegas.
We are Traffic, a movie about Critical Mass (Ted White, 1999).


